Tuesday 16 de April de 2024

O Concello remata os traballos de mellora das hortas urbanas de Novo Mesoiro, Eirís e Agra do Orzán


Medio Ambiente publicará a listaxe das persoas adxudicatarias, que recibirán as chaves das instalacións a próxima semana

O Concello da Coruña remata esta semana os traballos de mellora das hortas urbanas de Novo Mesoiro, Eirís e Agra do Orzán. O Goberno de Inés Rey acometeu estes traballos para ampliar o número de parcelas e atender as demandas das anteriores persoas adxudicatarias, ademais de engadir novos espazos comúns para uso e gozo dos novos usuarios e usuarias.

A concellaría de Medio Ambiente fará pública a listaxe de persoas adxudicatarias na súa páxina web. Está previsto que a entrega das chaves das instalacións sexa a próxima semana: mércores en Eirís, xoves na Agra e venres en Novo Mesoiro. En total, e despois da ampliación, haberá dispoñibles 118 hortas e 3 mesas na Agra, 81 hortas e 9 mesas en Eirís e 36 hortas e 3 mesas en Novo Mesoiro. Cubríronse todas as prazas na convocatoria.

As actuacións levadas a cabo permitiron a mellora e a ampliación destes espazos e os traballos desenvolvéronse dentro dos prazos marcados ao seu inicio. O Concello mantivo un diálogo constante coas anteriores persoas usuarias para coñecer as súas suxestiónS. Así, unha das novidades é o novo modelo de xestión das hortas urbanas, que estará baseado na participación responsable e incluirá dous procesos participativos anuais.

En canto ás melloras, nas hortas da Agra e de Eirís as actuacións encamiñáronse á creación de espazos comúns e a instalación de pérgolas para os momentos de lecer e debate. O goberno de Inés Rey busca que estes espazos sexan puntos de encontro para a cidadanía.

En Novo Mesoiro procedeuse á ampliación do número de parcelas grazas á extensión do espazo en 300 metros cadrados. Melloráronse tamén as zonas comúns pavimentadas, instalouse luz nas casetas de Novo Mesoiro e Eirís, que carecían dela, e caixas de primeiros auxilios nas tres hortas.

Estes traballos levados a cabo polo Goberno de Inés Rey supoñen unha mellora substancial dunhas instalacións con moito valor para as súas persoas usuarias, ademais de ofrecer un maior número de parcelas nestes espazos tan demandados